ATA SEMPRE VICTOR
Sempre que pasan momentos de partidas, acostumamos a dicir aquilo de que era boa persoa. Este o era, sen necesidade de dicilo un día como hoxe. Unha persoa loitadora, entregada, familiar e sinxela.
As vacacións no meu Feás xa non serán iguais. A vida segue. Haberá momentos bos e malos pero xa non serán as mesmas.
Era saír da misa, dunha reunión, dalgún encontro, festa ou calquera acontecemento e aí estaba para facer, dunha frase oportuna, un chiste con parábola; obtendo un sorriso dos asistentes e animar o cotarro dos veciños no Petouto.
Era chegar ao pobo e esa frase túa “Benvido Bill Gates”. E esperar unha frase túa para tomarlle o pelo a algún. Era alegrar a mañá para falar do presente e futuro, ti que nunca esquecías o pasado.
Sempre se podía contar con él para axudar nas colectas da Festa do Neno; na procura de solucións a problemas eternos da auga; en achegar ideas ás melloras de calidade de vida do pobo; en innovar con propostas moitas veces incomprendidas; pero pensando sempre no noso Feás como un lugar único e que tanto lle custou que se comprendese.
Era xogar ao chinchón e non parar de meterse con don Ramón. Soltar un chiste picante e escoitar deste a coñecida frase de “cala burricana e xoga”. A pesar das pullas, ambos se apreciaban moito.
E como esquecer a súa primeira consumición: o chupito con café. Nunca o terminaba. Aquilo provocaba, algunhas veces, algunha discusión. Creo que só o pedía para animar os comentarios bastos e redundantes do persoal.
E o seu puro. Duraba toda a tarde. Nin conta dábase (ou si o sabería) que estaba apagado. Era a súa escusa para abandonar a partida. Así descansaba e camiñaba un intre. Iso si, sempre tiña algún outro para ofrecer.
Moita xente pasa por grupos e non se nota a súa ausencia. Non marcan o devir dos momentos máis intensos ou divertidos. O chinchón acábaselle de ir un dos seus principais protagonistas. Xa non será igual. Aínda que non estivese na partida, os seus movementos de triunfos e perdas eran lembradas. Non faltaban os comentarios xocosos sobre frases ou xogadas túas. No fondo, a pesar de todo iso, estaban a esperar facer como pagabas 50 ou facías pagar ao cura mirando por encima das túas lentes con esa cara de eu non fun, ese sorriso picarona e facer rir a todos os presentes.
Este mundo pódesenos facer curto polos momentos importantes que nos gustaría seguir compartindo; longo, pola pena que márcanos a xente que nos deixa; alegre, polos momentos vividos; triste, polo baleiro que deixas a tua familia, aos teus amigos e á xente que che apreciaba.
Este camiño terreal é así. Quedamos co teu recordo eterno, o teu sorriso pícaro, os teus contos xocosos, os teus … , os teus… pero, tamén nos queda, a túa cadeira baleira na mesa de xogo.
Onde vaias vaste atopar cos veciños e amigos que che apreciaban, segue marcando camiño, espertando ilusións e deseñando estratexias para que aqueles, que se adiantaron, poidan gozar contigo ata que os que quedamos volvamos rirnos coas túas ocorrencias.
Ata sempre Víctor
Non será o mismo...
ResponderEliminarLuz no seu merecido descanso