ATA SEMPRE KIKO, MESTRE.

Hai persoas que nos marcan, non porque nin el nin nós decidirámolo, e o seu legado acompáñanos en moitos momentos da nosa vida. 

Cando un é neno, os nosos maiores buscan un referente, real e próximo, para mostrarche ese camiño ou esa guía na que poidas reflectirche. 

No meu caso (e o de moitos nenos de Feás) foi, sen dúbida, o noso Francisco de Olimpia. Lembrar dos meus avós, nai, tíos, veciños, .. as tan sabidas frases que, hoxe máis que nunca teñen máis validez, inspirounos a varias xeracións: “mira que educado, que rapaz máis listo O Lemos, que intelixente, que ben feito, que .. que ..” e podería escribir decenas de frases que reflectían a admiración que, a túa saber estar, infundía entre os habitantes da nosa aldea. 

Como lei de vida, imos crecendo, pero ti seguías sendo o noso referente. Xa non era o que dicían outros, era o que sentiamos e viviamos nós mesmos: a persoa con cultura que che obnubilaba; o mozo con aquela faísca de sacar dun instante un chascarrillo; a persoa que era afable e próximo se o necesitabas; aquel dianteiro do mítico equipo de Feás; aquel “Iñigo” do teatro do pobo; aquel “bo mozo” que notabas como encandeaba ás mozas (ou iso criamos); e .. podía seguir a comentar cousas polas que os máis pequenos admirabámolo. E, aínda que soe raro, persoalmente, soñaba algún día poder alcanzar unha pequena parte de todo aquilo que me xeraba admiración e respecto. Obviamente, iso non era posible. 

 Pasaron os anos. Moitos emigramos. Outros emprenderon camiños diferentes pero, ao retornar ás nosas orixes, a sabedoría popular seguía tendo a “Francisco de Olimpia” como o referente. Todos nos facemos maiores. Para moitos, a admiración por “O Lemos”, traduciuse en KIKO. Si, con maiúsculas porque ti eras moi grande. 

Don Ramón foi o creador, inspirador e patrocinador da famosa “ Festa do Neno” pero sen a túa presenza, a túa animación, a túa axuda inestimable .. nada fose igual. Aí continuabas demostrando, non porque o buscases ou necesitases, ser “o referente”. A forma de levar os diferentes eventos; esa voz peculiar e mediática; esa forma de animar implicando aos asistentes; a forma espontánea de facer un chascarrillo dun detalle; agarrar un tambor e poñerche a tocar para o xogo da cadeira; … e podería seguir. Hai quen o tenta, estuda e practica para alcanzalo, ti tiñas un don de expresividade que enchía o acto de forma natural. 

Algunha vez, que non nos puideches acompañar, outros tratamos de suplirche pero era unha quimera. Faltábanos o teu timbre de voz, o teu carisma, a túa improvisación, o teu natural forma de facer dun instante un momento divertido. Tentámolo pero só o tentamos. Ti eras único. Dou as grazas á vida por ser o teu suplente nalgún momento. Nunca estiven á túa altura e sabía que non podería. Grazas por ensinarme o camiño que me serviu para outras etapas da miña vida.

Neste momento tan triste, quero lembrar a unha persoa que nos adiantou e que, xunto contigo, era unha das patas desa mesa do chinchón: Víctor. Como bos anfitrións, ambos me incorporastes ao grupo. Non só ao xogo senón a vivir uns dos momentos máis belos da miña vida. Compartir convosco (e o resto) vivencias, contos, lendas era algo que, non sabes e non te imaxinas, canto cara a que a miña mente descansase e recuperásese da vida diaria. Lembro algúns momentos, e cheo de tristeza, o meu corazón sorrí ao volver lembralas. 

A pesar da tristeza que nos embarga a todos, quería dicirche que deixas unha familia marabillosa; uns amigos que seguiremos na senda que marcaches nesta vida; un pobo que perdeu unha presenza física pero que seguirás sendo ese referente no que reflectirnos. 

Querido Kiko: exemplo e mestre, un belo exemplo do teu paso por esta senda. Sinxelo, humilde e grande diante a adversidade. Hoxe xogarás un chinchón ou un subastado con aqueles veciños que che adiantaron. Algún día volveremos atoparnos. Do mesmo xeito que fixeches no bar de Feás, deixa unha cadeira para volver compartir contigo eses momentos inesquecibles. 

Grazas Kiko por todo o que representaches na vida do noso pobo e, en especial, na miña. 

Ata sempre, mestre! Ata sempre, amigo!

Comentarios

Entradas populares de este blog

ATA SEMPRE VICTOR

La niña de la mirada triste (revisado)